Xunto con Eliseo Fernández
A relación entre nacionalismo e anarquismo foi feble. Pero existiu e persistiu ao longo do tempo. Este vínculo foi “fío do préstamo, colaboración ou intercambio cultural ou ideolóxico, que iría dende as “anarquías literarias” de Faraldo e Manoel Antonio até o pequeno espazo que a cultura popular galega gozou non só nas entidades socioculturais e nos medios de comunicación libertarios (periódicos, orfeóns, bibliotecas, atenos, imprentas… ), senón na propia sociabilidade dos sindicatos da que non se debe excluír nin o activismo nin as actividades.
A investigación parte da constatación de que se tiña instalado unha versión maniquea e simplificadora sobre esta cuestión, que reproducía ideas asentadas como a postura absolutamente antinacionalista dos anarquistas ou a escasa relación do nacionalismo coas diversas correntes socialistas. Unhas ideas que estaban completamente estendidas e hipoteticamente fundamentadas na ideoloxía anarquista e no ideario nacionalista, mais que continuamente víamos postas en cuestión pola propia historia.