Guerrilla

A resistencia armada ao franquismo na Galiza: unha guerrilla singular

Conferencia impartida o día 5 de Maio de 2023 no local da Federación de Asociaciones Gallegas en Argentina, Buenos Aires.

Boa tarde a todos e a todas: estamos aquí para falar da resistencia armada, que xurdiu no país galego en pleno transcurso da Guerra Civil española. E, de paso, deixar para a Biblioteca da Federación a 2ª edición do libro que comparto con Eliseo Fernández “A primeira resistencia armada ao golpe militar na Galiza “1936-1940”, publicada hai poucos días e maxistralmente prologada pola historiadora lucense Ana Cabana, profesora da Universidade de Santiago de Compostela. 

Antes que nada, é preciso situar xeograficamente o noso relato, sen esquecer que a guerrilla galaica estivo moi vinculada á de zonas colindantes que teñen numerosas afinidades con Galiza, caso de El Bierzo, Sanabria e La Cabrera.

Mapa coa distribucion xeográfica das diferentes guerrillas
antifranquistas no Estado español, 1943-46

Sentado isto, é procedente a pregunta de que é o que pretendemos con este libro. Antes, cabe afirmar que o réxime de Franco  e os seus compañeiros de viaxe das dereitas, manipularon a memoria colectiva e conformaron unha memoria dos vencedores, segundo a cal na Galiza case non houbo represión (e a que houbo foi por motivacións persoais froito de disputas amorosas ou inimizades) e aínda menos resistencia ao golpe militar do 18 de xullo de 1936, fixando a idea na poboación dunha retagarda, a galega, entregada sen oposición aos franquistas.  

Pois ben, logo dun largo percorrido de recuperación da memoria d@s vencid@s que durou 4 décadas, hoxe podemos dicir con rotundidade que a represión dos alzados foi brutal no meu país, un país (cabe lembralo) onde non houbo guerra propiamente dita: un mínimo de 5.000 persoas só no período da Guerra Civil, ou sexa entre 1936 e 1939, foron fusiladas tras Consellos de Guerra, ou asasinadas nas cunetas e nas cadeas, ás que habería que sumar máis de 20.000 represaliados/as de distinta maneira. Ademais, aínda está por cuantificar o que aconteceu na outra guerra irregular que confrontou ata ben entrada a década dos 50 do século pasado á resistencia armada antifascista co exército franquista ou as súas forzas represivas. En total, polo que sabemos a día de hoxe, unha cifra próxima ás 8.000 persoas mortas na Galiza pola acción do réxime franquista até 1977, non sería en absoluto esaxerada.

En total, unha cifra próxima ás 8.000 persoas mortas na Galiza pola acción do réxime franquista até 1977, non sería en absoluto esaxerada.

Pero agora toca replicar a segunda e non menos falsa afirmación, que mesmo chegou ata nós e foi hexemónica tras unha desmemoriada Transición: que a penas houbo resistencia. En consecuencia, con este libriño pretendemos demostrar que desde o primeiro momento tras o control de case todo o territorio galego por parte dos militares, falanxistas e outras milicias asociadas en torno ao 30/7/1936, xa houbo confrontación armada cos golpistas. Inicialmente mediante sabotaxes e actividades clandestinas nas principais cidades como Ferrol, Coruña, Ourense, Vilagarcía e Vigo e despois por parte dos múltiples grupos de escapados que comezaron a actuar en zonas máis apartadas (montes de Lavadores, Valdeorras, O Eume, Ortegal, O Xistral, Ancares, ou a fronteira con Portugal) onde lles obrigou a ocultarse a represión.

Mapa da guerrilla Galicia, Carlos Reigosa 1936-43

Na Fraga do Eume

Partidas, compostas maiormente por campesiños ou proletarios, ás que moi cedo se lles unirán moitos rapaces desertores do exército, primeiro, e pequenos grupos de combatentes ben armados e politizados, procedentes da caída da Fronte de Asturias no outono de 1937 e de orixe tanto galaica como asturiana, sanabresa ou berciana. E esa resistencia armada durou ata o devalo de 1954, de xeito que Galiza foi o territorio onde o antifascismo armado persistiu máis tempo, non só no Estado español mais tamén en Europa (o caso do IRA irlandés, é singular). En resumidas contas, na Galiza non debemos falar de represión sen considerar ao mesmo tempo a resistencia antifranquista, cuxo obxectivo era defender a legalidade e lexitimidade republicana, a non ser que se pretenda revitimizar ás vítimas.  

No ronsel da resistencia armada galega pódense distinguir ata cinco fases:

  1. Do golpe militar de xullo de 1936 até a caída da Fronte de Asturias, en outubro de 1937: predominan os grupos de fuxidos, illados e as accións defensivas de mera supervivencia
  2. Desde a caída da Fronte de Asturias até a creación da pioneira Federación de Guerrillas de Galicia-León, de outubro de 1937 até 1940. Caracterizado polo aumento das partidas, delimitación das zonas de actuación, coordinación incipiente dos grupos guerrilleiros e proliferación das súas accións, algunhas das cales xa superan a subsistencia e fixan o seu obxetcivo en atacar á Ditadura
  3. Período da Federación de Guerrillas, 1941-1946, caracterizado pola súa estrutura organizativa democrática, a unidade de todas as fuerzas antifranquistas (PSOE, CNT, PCE…), e unha estratexia defensiva agardando o resultado da IIª Guerra Mundial
  4. Organización do Ejército Guerrillero de Galicia como brazo armado do PCE, nos anos 1946-1950, caracterizada pola militarización extrema da guerrilla, intensificación da loita armada e confrontación sen cuartel contra a Ditadura, que responde cunha represión desmedida que acaba coa organización guerrillera
  5. Período final, 1950-1954, retorno ao illamento progresivo dos grupos e desmantelamento das estruturas guerrilleiras que subsistían, exilio, cárcel ou morte como únicas saídas.

Ata este intre, a fase comprendida entre 1937-1940 na que se conforma a resistencia armada primixenia en plena Guerra Civil, foi infravalorada polos traballos “clásicos” sobre a guerrilla (Heine, 1980; Máiz, 1988; Secundino Serrano, 2001; Congreso Guerrilla, 2012) que entendían que esta era cousa da posguerra e a etapa anterior se caracterizaba só polas accións individualizadas e descoordinadas, defensivas e de subsistencia, nunca de verdadeira oposición.

Libro Hartmut Heine

Libro Bernardo Máiz

Libro Actas Congreso da Guerrilla, CRMH Coruña

Libro Eliseo Fernández e Dionísio Pereira

Pola contra, segundo a nosa investigación a primeira resistencia armada na Galiza non é consecuencia da derrota e este feito posibilita a xénese a lume manso en todo o período da Guerra Civil dunha guerrilla singular, conformada na retagarda franquista desde unha base popular, sustentada na diversidade ideolóxica e organizada segundo a súa propia experiencia e variadas identidades locais e non polas directrices de ningún partido ou sindicato. Tal e como afirma Hartmut Heine, o mellor historiador da guerrilla galega ata o momento, non carece de orixinalidade este modelo distinto ao seguido polo resto (coa excepción de Asturias) do Estado español, onde o movemento guerrilleiro se conformou máis tarde, en torno a 1945, e foi organizado “ex profeso” polo PCE agás en Catalunya, onde os libertarios tamén se fixeron notar. De feito, a guerrilla galaica-berciana-sanabresa tamén se distingue doutras guerrillas constituídas segundo un plano premeditado e, decote, coa finalidade de loitar contra o invasor (como foron en boa medida as guerrillas antifascistas italianas, iugoslavas ou gregas activas durante a IIª Guerra Mundial), ou como o resultado da transformación dunha actividade legal ou semi-legal en loita armada, caso da guerrilla que precedeu á creación do Exército Vermello chinés, tras a ilegalización do Partido Comunista.

Segundo as nosas fontes, entre 1937 e 1940 na Galiza actuaron cando menos 78 partidas guerrilleiras, das que a metade estaban activas cando finaliza a Guerra Civil. E iso sen considerar os grupos que actuaban en zonas limítrofes de Asturias, León e Zamora e que contaron nas súas filas con insurxentes galegos e, ás veces, tamén actuaron en territorio da Galiza. En aquelas partidas, no noso libro rexistramos o activismo de numerosos guerrilleiros asturianos, bercianos, sanabreses e galegos que, a partir de 1941, serían os alicerces da referida Federación de Guerrillas, como os socialistas Marcelino Fernández Villanueva “O Gafas”, antigo Comisario de Guerra asturiano, que foi o seu Xefe de Estado Maior, Manuel Girón e Luis Trigo “O Gardarríos”; os confederais José Neira, Abelardo Gutiérrez Alba e o berciano Abelardo Macías; os comunistas Sebastián e Rogelio Rodríguez López e moitos outros e outras.

Na nosa investigación, ata o momento contabilizamos entre 1937 e 1940 un MÍNIMO de 581 accións da guerrilla nas catro provincias galegas, sendo as de Lugo e Ourense as que rexistran un maior número, 214 e 184, respectivamente. Unha actividade armada que ocasionou a morte de un mínimo de 229 guerrilleiros e colaboradores/as, así como de 92 membros das forzas da orde, falanxistas ou delatores/as. Unha explicación de semellante diferenza de vítimas podería ser, ademais da maior potencia bélica das forzas armadas franquistas, o feito destas levaren a cabo sen medida accións indiscriminadas, mentres que a guerrilla era moito máis selectiva. 


Xa desde o inicio a resistencia primixenia recolleu a memoria popular da represión e actuou contra os vitimarios.

Se ben as accións destas partidas foron nun inicio illadas e de carácter defensivo para conseguir armas, roupa e comida, xa desde o inicio a resistencia primixenia recolleu a memoria popular da represión e actuou contra os vitimarios, de maneira que unha vintena de militantes e dirixentes falanxistas foron axustizados neste período, entre eles o xefe da Falange na provincia de Lugo José Viador (1940). Ademais, desde os seus primeiros pasos a resistencia armada tentou exercer un certo contrapeso contra os abusos dos fascistas no espazo rural.

Conforme vai avanzando o período e xa a piques de rematar a Guerra Civil, as accións insurxentes foron máis organizadas, coordinadas e ofensivas, de sorte que en zonas como o Leste da provincia de Lugo e na zona de Valdeorras, detectamos episodios nos que a resistencia armada amosa un alto nivel de preparación e infrinxe duras perdas á Guardia Civil e ás forzas militares alí despregadas. No ámbito organizativo tamén se producen as primeiras tentativas de coordinación: nese aspecto o Comité Tchapaieff (heroe da guerra civil rusa, protagonista dunha novela de Dimitri Furmanov e unha película soviética do ano 1934) que no Norte das provincias de Coruña e Lugo pretendía relacionar as partidas do “Gardarríos”, do Grupo Neira e dos combatentes da comarca de Viveiro-Celeiro, foi na altura de novembro de 1938 pioneiro en territorio galaico.

En calquera caso, consideramos que avanzado o ano 1938 xa podemos falar de guerrilla máis alá de grupos inconexos de escapados, pero non de organización guerrilleira que só existirá a partir da aparición da Federación de Guerrillas de León-Galicia, no segundo semestre do ano 1941. Unha organización guerrilleira que, é importante destacalo, será a primeira do Estado español.

En paralelo, as novas autoridades deseñaron unha minuciosa estratexia para exterminar a incipiente insurxencia. É moi significativo, por exemplo, o Oficio Reservado do Estado Maior da VIIIª Región Militar dirixido aos gobernadores civís de Pontevedra, Ourense e Lugo na temperá data do 2 de xuño de 1937, no que ordenaba exercer unha acción eficaz e rápida para acabar coas bolsas de fuxidos e autorizaba a execución sumaria, tanto destes como dos seus colaboradores e colaboradoras. Algo máis tarde,  o 21 de maio de 1938, o Gobernador Militar de Lugo entendía que, para “un total y urgente exterminio” de fuxidos e desertores “es preciso utilizar la confidencia o comprarla”, e ordenaba á Guardia Civil armar aos “elementos de confianza en las parroquias respectivas”. Ao cabo, as propias autoridades militares franquistas tiveron que recoñecer que aquela actividade guerrilleira podía se converter nun serio problema para os sublevados: daí a decisión tomada ao inicio de 1939 de trasladar ao surleste de Ourense e ao Bierzo un corpo militar especial como a 3ª Bandera da Legión e, pouco despois, un Tabor de Regulares integrado por soldados marroquinos, considerándose xa entón o territorio comprendido entre Valdeorras, O Bolo, O Bierzo e A Cabreira Alta, zona de guerra. Desde esta realidade conflitiva, segue a ser procedente a pregunta que xa en 1988 se facía Bernardo Máiz, de por qué o Gobeerno da República despreciou durante a Guerra Civil o potencial humano e bélico desta guerrilla tan activa na retagarda inimiga. No noso libro aportamos algunha hipótese ao respecto.

Pódese afirmar, entón, que no período comprendido entre 1937 e 1940 os territorios galego, berciano e sanabrés, proporcionaron un campo de probas para o deseño dunha renovada estratexia de contrainsurxencia, na que se fomentou o espionaxe e a delación, o emprego das contrapartidas e unha cruel persecución dos cómplices da guerrilla. Nese ambiente vaise foguear unha elite da loita antiguerrilleira dentro da Guardia Civil, entre a que destacou o ourensán de Vilaza-Monterrei tenente coronel Eulogio Limia que, anos despois, intervirá con brutal eficacia noutras zonas do Estado, caso de Andalucía, Castilla-La Mancha, Extremadura ou Santander.

Tenente coronel Eulogio Limia Pérez

Retornando á Federación de Guerrillas de León-Galicia e seguindo agora os traballos incluídos no libro colectivo do mesmo título publicado en Santiago de Compostela hai poucas semanas por Edicións Positivas, tras a aprobación dos seus Estatutos o ano anterior foi constituída formalmente en abril de 1942, durante un Congreso celebrado nos Montes del Ferradillo situados na fronteira entre El Bierzo e Galiza. Como se dixo, dotouse dun sistema de representación democrático, sendo os propios guerrilleiros os que elixían aos seus cadros de mando entre as distintas tendencias: socialista, libertaria e comunista. Os federados se estruturarían nos primeiros anos 40 en torno a un Estado Maior, cun xefe (o sobradito Marcelino Fernández Villanueva), tres axudantes e cinco grupos que abarcaban o centro e o surleste de Lugo e Ourense, El Bierzo e La Cabrera. E a súa prioridade política estaría determinada pola unidade antifascista e a prohibición de realizar labor partidista, procedendo a crear unha tupida malla de enlaces e un Tribunal de Guerrillas para xulgar os delitos que se puideran cometer.

Fundación da Federación de Guerrillas de León-Galicia, Montes de Ferradillo, O Bierzo

Así, ata finais de 1946, momento en que as potencias vencedoras da IIª Guerra Mundial deixaron claro que non ían intervir na Península Ibérica, a Federación levou a cabo unha estratexia máis política que no período anterior, plasmada na constante reivindicación republicana do seu periódico El Guerrillero, malia que as súas accións continuaron a ser maiormente de subsistencia. De calquera maneira, nun combate moi desigual no que practicamente non contou con axuda exterior, a Federación tentou levar a cabo un modelo de resistencia popular baseado na unidade antifranquista dentro da diversidade e, o que é moi importante, na convivencia nos pequenos núcleos de poboación cuns enlaces frecuentemente femininos, sen os que non hubieran podido aguantar tanto tempo e aos que lles unían vínculos de comunidade, confianza e afinidade, que difícultaban as delacións. Como hai pouco afirmou aos seus 98 años o berciano Francisco Martínez “Quico”, un dos poucos guerrilleiros que aínda viven, máis alá dos veráns eles durmían case seempre en cama allea.

Francisco López, Quico

Cabe explicar que Galiza tiña naqueles anos un poboamento denso e disperso en numerosas aldeas, que representaban a metade das entidades de poboación de todo o Estado español. En cualquera caso, cando comeza a súa andaina a Federación de Guerrillas non vai partir da nada, senón que atopa xa un terreo  moi transitado nos anos anteriores pola insurxencia pioneira.


Cando comeza a súa andaina a Federación de Guerrillas non vai partir da nada, senón que atopa xa un terreo moi transitado nos anos anteriores pola insurxencia pioneira.

Certamente, este modelo vai mudar radicalmente unha vez que o Ejército Guerrillero de Galicia substituíu á Federación no devalo de 1946. O control total da nova organización por parte do PCE, que enviou en diversas ocasións militantes desde o estranxeiro para encadrar la guerrilla (entre eles a Antonio Seoane, galaico-porteño que foi directivo desta Federación de Asociaciones Gallegas de Argentina.

Debuxo de Antonio Seoane

E ao ourensán José Gómez Gayoso) e a súa extrema militarización (uniformes e disciplina castrense incluídos) que non desbotou a eliminación de toda disidencia no fragor da loita armada contra a Ditadura, provocou o traslado de moitos guerrilleiros lonxe das súas áreas de influencia sen se asegurar previamente o apoio de ampios sectores da poboación. Resumindo moito esta cuestión, e nun contexto de salvaxe represión do movemento guerrilleiro e dos seus colaboradores e colaboradoras.

Juan Pérez Dopico Xan de Xenaro, executado 02-6-49 en Silán-Muras

Celia González Pernas, executada con Xan de Xenaro

Se substituíu a convivencia nas aldeas por parte de pequenos grupos guerrilleiros pola fórmula de territorios liberados por partidas más numerosas, con ben pouco éxito, por certo. Aínda así, no propio Ejército Guerrillero houbo partidas da IIª e IIIª Agrupacións que actuaban en territorios de Lugo e Ourense, onde persistiu o enfoque autónomo e a vinculación ao territorio propias da guerrilla primixenia e a Federación, tal e como nolo acredita “Quico”, militante do PCE e compañeiro do mítico guerrilleiro berciano Manuel Girón asasinado a traizón en 1951.

 De todos os xeitos, a traxectoria do Ejército Guerrillero e a derrota final da guerrilla xa quedan fora do obxectivo desta charla que, en esencia, pretende desmentir mitos do franquismo e da Transición verbo da Galiza: en particular, o dunha retagarda galega pacificada, sometida por completo e sen resistencia aos novos detentadores do poder, tras o movemento faccioso do verán de 1936 e o inicio da Guerra Civil española.

Bibliografía

  • AAVV (2022), A Federación de Guerrillas de León-Galicia, Santiago: Positivas.
  • Máiz, B. (1988), Galicia na IIª República e baixo o franquismo, Vigo: Xerais.
  • Martínez López, F. “Quico” (2022), Caminos de resistencia, Alicante: El Boletín.
  • Fernández, E. e Pereira, D. (2023), A primeira resistencia armada ao golpe militar na Galiza, 2ª Edición, Santiago de Compostela: Em Selecta Companha.
Fotografías da conferencia