Guerrilla A Gudiña

ACHEGAS SOBRE A PRIMIXENIA GUERRILLA ANTIFRANQUISTA NA RAIA DAS FRIEIRAS E TRÁS-OS-MONTES (1938-1940)

(Conferencia impartida o día 19 de Agosto de 2023 na Casa da Viúva de a Gudiña)

O lindeiro e montesío territorio raioto das Frieiras e do norte transmontano, posibilitou a aparición xa dende os inicios da Guerra Civil española dunha teimuda resistencia armada, que se mantivo ate despois da IIª Guerra Mundial e intercambiou retagardas durante anos cos grupos guerrilleiros refuxiados na zona liberada da “Ciudad de la Selva” en Casaio. 

Nunha orla fronteiriza onde actuou o máis afouto da guerrilla astur-galaica-berciana-sanabresa, introducida por guieiros locais como Eduardo Pérez Vega “Tameirón” (que tomaba o alcuño da súa aldea natal do concello de A Gudiña), Francisco Rodríguez Arias “O Serio” (natural de A Barxa), o portugués Silvino Joâo Domingues (veciño de Quiraz de Lomba) ou Cándido Losada Estévez “Malvavisco” de quen xa falou Pepe Rodríguez Cruz, que exerceron de “factotums” daqueles insurxentes chegados doutras zonas e descoñecidos no universo arraiano, a devandita mobilidade entre territorios (de Casaio, Valdeorras e A Veiga, até a Terra Fría dos Pinheiros, de Cisterna, das aldeas da Lomba e, sobre todo, de Sernande, na raia de Vinhais, e viceversa), xogou un papel sobranceiro no xerme da primeira formulación organizativa desta insurxencia: a Federación de Guerrillas de León-Galicia, a fins de 1941.

Daquela, entre 1938 e 1940, albiscamos quer en Casaio, quer en Sernande, a “O Bailarín”, aos guerrilleiros de Corzos-Xares Domingo Rodríguez “O Inca” e Alfredo Yáñez “O Aguirre”, Ramiro Losada de Rubiá, os bercianos Silvestre del Moral, Gilberto Cuadrado, Abelardo Macías, os irmáns Girón ou Marcelino de la Parra e os astures Marcelino Fernández Villanueva “O Gafas”, os irmáns Morán e os irmáns Ríos, Eduviges Orozco, Vitorino Nieto, Luis Gómez “Pambarato” e moitos outros. E non cabe dúbida de que estas estancias en común nas retagardas compartidas, facilitaron o mutuo recoñecemento entre as partidas, os debates sobre que estratexia tomar na loita armada antifranquista e, por ende, a conformación futura da estrutura organizativa da guerrilla.

Neste período, pois, comezan a funcionar senllas redes de evasión para facilitar o paso a territorio portugués, quer dos combatentes ou dos fuxidos no monte, quer das súas familias, para logo tentar o embarque no Porto cara Francia ou as repúblicas americanas burlando o estreito control que exercía a Ditadura de Salazar. Unhas redes que foron alentadas por xente arraiana, da que aínda sabemos pouco. 

Pero non adiantemos acontecementos, porque, consciente da súa importancia estratéxica para a insurxencia, o novo réxime xurdido do golpe militar extremou a vixilancia da fronteira e perseguiu sen tregua aos combatentes que, tras as numerosas accións levadas aa cabo no territorio de Viana, Riós e das Frieiras (temos documentadas máis de 30 accións da guerrilla entre 1937 e 1940 nesta zona), pretendían utilizar as zonas de paso ao país veciño. Velaí un exemplo: o 28 de decembro de 1938, unha partida de once homes uniformados e unha muller asalta á aldea de Vendas da Barreira e leva un suculento botín de 53.500 pts. Tras o golpe económico, atribuído pola Guardia Civil ás partidas do “Inca” e do “Aguirre” que contarían con información subministrada por xente do contrabando e por fuxidos dos pobos cercanos que estaban refuxiados en Pinheiro Novo, os insurxentes pasaron a raia por Tameirón en dirección á referida localidade portuguesa. Cabe engadir, que poucos días antes as mesmas partidas atracaran varias casas de xente de dereitas en aldeas de Viana do Bolo próximas á A Gudiña, caso de Solveira e Pexeiros, retirándose logo a Portugal por A Ferrería-Tameirón cara Os Pinheiros ou Sernande.

Porén, mesmo cos seus lindes invisibles e a penas sen ríos, nunca foi sinxelo franquear a raia seca, tan doadas de pasar as “marcas” ou mouteiras como toparse coa Guarda Fiscal ou os Carabineros, sempre á espreita de contrabandistas ou proscritos no seus roteiros ilegais. Ademais, tras o inicio da Guerra Civil española, aos Carabineiros se lles uniron milicianos falanxistas, entre eles os arrenegados de Amoeiro que tantas barbaridades cometeran na Gudiña, para os seus percursos vixilantes nos que decote se tiraba a matar. Aos poucos, se lles xuntará un regimiento de Infantería radicado na vila para peneirar os montes limítrofes, e, a partir do remate da contenda civil en abril de 1939, foi o Tercio da Legión aposentado no Castelo de Viana, quen se encargou desta tarefa con especial dedicación.

No inicio da posguerra, as actividades de contrainsurxencia na provincia de Ourense estaban protagonizadas pola IV Columna de Operaciones da VIIIª Región Militar, que agrupaba todas as dotacións das forzas militares, gardas civís e milicias falanxistas que perseguían á guerrilla, distribuídas en 4 Sectores: O Barco, Viana do Bolo, Verín e A Gudiña, cada un deles ao mando de experimentados oficiais da Guardia Civil. A escala local, estas dotacións conformaban pequenos Destacamentos Mixtos que se estenderon polos territorios afectados pola actuación insurxente: así, na zona que nos ocupa, entre outros lugares houbo Destacamentos Mixtos en Castrelo de Baixo no Riós, en Soutocovo-Vilardevós, en Castromil-A Mezquita, en Pradocabalos-Viana ou en Corzos-A Veiga. 

En xullo de 1940, a Junta Provincial da Falange de Ourense sinalaba como principal preocupación para a orde pública a existencia de grupos armados activos nos partidos xudiciais de O Barco e Viana do Bolo.

En xullo de 1940, a Junta Provincial da Falange de Ourense sinalaba como principal preocupación para a orde pública a existencia de grupos armados activos nos partidos xudiciais de O Barco e Viana do Bolo. Daquela, para apoiar os labores do Exército e da Guardia Civil, creáranse alí as chamadas “Juntas Locales de Defensa Pasiva”, integradas por ex combatentes do exército nacional. Ademais, co obxectivo de eliminar os grupos armados, se reforzaron os destacamentos de Guardia Civil, Falange e Tabores de Regulares na ampla bisbarra do Bierzo, Cabreira Alta, Valdeorras e Viana do Bolo.

Por se fora pouco, naquel verán de 1940 o Estado Mayor da Agrupación de Columnas de Operaciones, dóulle grande relevancia ás actividades de “Información y Contrainsurgencia” creando as denominadas Centrales de Información, que concentraban toda a existente sobre os fuxidos e alzados, o territorio onde se movían e as persoas que lles apoiaban; unha información procedente da censura da correspondencia e a persistente espionaxe das familias ou da xente achegada. Tamén se constituíron os Centros Auxiliares de Información dependentes destas Centrales, cuxa labor era máis que nada de campo e consistía en actuar contra as partidas guerrilleiras e a veciñanza que colaboraba con elas, botando man dos Destacamentos Mixtos, das contrapartidas que se facían pasar por guerrilleiros, das milicias locais e dun amplo repertorio de informantes e delatores de ambos sexos. Dende aquela, funcionaron Centrales de Información nas catro vilas cabeza de sector da 4ª Columna de Operaciones (A Gudiña, Verín, Viana do Bolo e O Barco de Valdeorras), mentres nos cuarteis da Guardia Civil de A Mezquita, Castrelo de Cima e de Baixo, Castromil e Pradocabalos, entre outros lugares, se estableceron Centros Auxiliares de Información dedicados a sofocar “in situ” á guerrilla. 

Na outra banda da raia, as autoridades portuguesas tamén reforzaron as “prazas” da Guarda Fiscal e as dotacións da GNR en Vinhais e Bragança, mentres a presenza da PVDE nos pequenos pasos de fronteira da raia transmontana, fíxose habitual. Porén, a vulnerabilidade da fronteira na banda portuguesa era maior que na española. Con todo, nunca foi tan perigoso cruzar a raia, quer para a veciñanza que exercía o contrabando, quer para os fuxidos e guerrilleiros procedentes da Galiza, do Bierzo, das Portelas e da Cabreira.

Nestas condicións, non foi raro que os grupos armados toparan en máis de unha ocasión coas forzas represivas franquistas. Así, o 2 de maio de 1939 e tras a denuncia dun veciño que albiscou o lume que fixeran os alzados, houbo unha verdadeira batalla campal nunha bocarribeira de O Corvo, perto de O Canizo, entre unha forza composta por soldados, gardas civís e falanxistas, reforzada por paisanos voluntarios, e as partidas de “O Aguirre”, Girón, “O Bailarín”, xunto con Eduardo Pérez Vega e Gilberto Cuadrado, que sumaban entre 20 e 25 guerrilleiros. A Guardia Civil, sorprendida pola demostración de forza dos combatentes, informou dun “largo y violentísimo tiroteo” perto dunha trincheira do camiño de ferro, no que se empregaron pistolas ametralladoras e bombas de man, co resultado de un soldado morto e dous gardas e dous falanxistas feridos. Unha vez que racharon o cerco os alzados e cando escapaban a Portugal para se dirixir a Sernande, atopáronse coa guarnición de carabineiros do Tameirón e no enfrontamento resultou ferido o cabo comandante do posto e morto un falanxista de A Mezquita.Tras este episodio, o inspector delegado da PDVE en Chaves, Luis Borges Junior, ordenou reforzar a vixilancia na fronteira entre Cisterna e Vilarinho das Touças.

Centrémonos agora nunha rota de evasión vinculada á guerrilla que, mercé a testemuños orais, podemos documentar en certa medida empregando como guieiro o libro do xornalista xa falecido José Antonio Gurriarán, As mulleres do monte. Esta rota, operativa con distinta intensidade entre 1938 e 1950, estivo relacionada cos frecuentes intercambios entre as partidas que transitaban entre Casaio, O Bolo e a fronteira trasmontana, aos que xa temos aludido.

 Na definición do seu itinerario, que transcorría dende Casaio por Xares-A Veiga e Barxacova-Pías pasando pola serra de Porto, para cruzar a raia de Vinhais polos pasos que tan ben coñecía o combatente confederal Eduardo Pérez “Tameirón” (Pentes, Tameirón ou A Esculqueira), ou por Castromil e dalí ao monte de Cádavos para logo pasar a raia de Bragança cara Moimenta, participaron de maneira especial o propio “Tameirón”, “Malvavisco” e os guerrilleiros de Xares “O Inca”, “O Aguirre” e Idelfonso Fernández “Cuñeira”, daquela agochados entre Casaio e Sernande. Mais agora mercé as pescudas que levamos entre mans Pepe Cruz e quen vos está a falar, podemos ampliar o capítulo das persoas que teceron esta rede en territorio portugués, dende Vinhais ata Vila Nova de Gaia e Porto, pasando por Tuizelo, polas minas de Revelhe, as da Ervedosa e por Baloutas, xa en territorio de Cabeceiras de Basto. Non hai tempo para contarvos as historias da familia dos Celeiros de Sernande, de “Os Cucos” de Pinheiro Novo ou de Maria Cándida Teixeira Leite, esta última afouta acompañante de moita xente refuxiada dende Sernande ate o seu domicilio en Vila Nova de Gaia onde se agardaba polo embarque, pero si podemos desvelar un chisco a figura dun veciño de A Gudiña, Joaquín Pérez Amor, máis coñecido por “Quinito”, de quen a Central de Información local fixo un seguimento especial entre 1939 e 1940.

Natural de Solveira-Viana e fillo do Administrador de Correos de A Gudiña, “Quinito” tiña 20 anos na alborada de 1939, cando decidiu botarse ao monte para non ser mobilizado no exército franquista. Daquela, escapado polas terras de Viana, “Quinito” seica entrou en contacto coas partidas do “Inca” e do “Aguirre” ás que pasou informes da veciñanza acomodada e de dereitas, susceptible de ser vítima de golpes económicos. Tras a persecución padecida pola súa familia, pasou a fronteira, exerceu de contrabandista e, contando co apoio do presidente da freguesía de Pinheiro Novo, comezou a actuar na rede de evasión devandita. Sabedor do seu activismo, foi no verán daquel ano 1939 cando Felicísimo Pérez Ortega, que traballaba para os servizos secretos franceses dende o seu exilio en Iparralde, pretendeu contactar con el para asegurar unha vía de paso pola que poder enviar armas á guerrilla e propiciar sabotaxes. 

Tras o fracaso da iniciativa de Felicísimo, “Quinito” radicou en Portugal cunha nova documentación a nome de Joaquim Augusto Ferreira, coa cal continuou a colaborar na rede de evasión que, entre outros, conseguiu embarcar para Cuba ao guerrilleiro berciano José Míguez Blanco “Palitos” correndo o outono de 1939. Aos poucos, en novembro, Joaquim foi detido en Bragança por contrabando, pasando uns meses preso no Porto e logo en Vinhais. Ao cabo, o 17 de agosto de 1940, a Central de Información de A Gudiña solicitaba informes á policía política portuguesa e situaba a Pérez Amor “huído de La Gudiña”, traballando nunha fábrica de tecidos do Porto.

E pouco máis sabemos de “Quinito”, agás que puido embarcar en Leixôes rumbo a Cuba en data indeterminada a comezos dos anos 40 e, tras a Revolución Cubana de 1956, decidiu marchar a EEUU onde faleceu; antes, aínda visitou un par de veces A Gudiña e Solveira e nunha desas viaxes se fixo esta foto que a súa familia de Solveira nos cedeu amablemente.

E nada máis por hoxe; deixamos moitas cuestións no tinteiro para un futuro próximo, sempre coa teima de recuperar a lembranza desa resistencia antifascista nas Frieiras e Trás-Os-Montes, que até agora pasou desapercibida para a historiografía e hoxe debe ser merecedora da atención cidadá e do recoñecemento cívico.

Fotografías da conferencia

Eduardo Pérez Vega

Silvino Joao Domingues

Redes Guerrilla Frieiras

Cruz na Esculqueira fronteira contrabando

Redes Guerrilla

Quinito

Joaquín Pérez Amor, Quinito, anos 70