Pósito de Pescadores de O Pindo
Notas sobre a historia do Pósito de O Pindo
Conferencia impartida por Dionísio Pereira no local do Pósito de O Pindo, ao abeiro das VII Xornadas de Pesca, organizadas pola Confraría de Pescadores de O Pindo, 30/6/2012
Constituídos en torno á Grande Guerra e inspirados nas vellas Confrarías de Pescadores do Antigo Réxime e nos Pósitos Agrícolas casteláns, os Pósitos Pescadores definíanse como asociacións cooperativas sen distingo entre armadores e mariñeiros que, co apoio estatal, arelaban a mellora das condicións de vida do colectivo da pesca mediante o estabelecemento de socorros e seguros (enfermidade, asistencia médica, vellez, morte, paro, perda de embarcacións e aparellos), a mellora de infraestruturas e a extensión cultural entre os asociados e os seus fillos. Ademais, tiñan como obxectivo senlleiro a explotación directa da actividade pesqueira por parte dos seus protagonistas, en solitario ou en cooperativa, a concesión de liñas de crédito barato para a construción e o acceso á propiedade dos barcos, para a adopción de novas técnicas e para a compra de equipamentos e subministros por xunto, en cooperativa. Propagaban, tamén, a necesidade de que os mariñeiros controlasen en Lonxa a venda das capturas, prescindindo de intermediarios e aloitando a prol de mellores prezos para o peixe, quer para o produtor, quer para o consumidor.
Os Pósitos estaban financiados, ademais das cotas dos socios e unha porcentaxe fixa por barco dos ingresos obtidos pola venda das capturas, polos créditos e subvencións procedentes da “Caja Central de Crédito Marítimo” (que na República transmutaría no “Instituto Social de la Marina”, ISM), dependente do Ministerio de Mariña, a través da cal facíase efectivo o intervencionismo estatal. A composición dos seus órganos representativos (Junta de Goberno, Junta General, Seccións diversas…) era paritaria, adoptando un talante corporativo, moderado e submiso ás autoridades gobernativas, que procuraba conciliar os intereses de armadores e mariñeiros, afastando a estes dos sindicatos de clase compostas só por mariñeiros, fogueiros e maquinistas e, nalgúns casos, tamén polos patróns das embarcacións maiores.
A súa constitución correu a cargo, maiormente, das autoridades de Mariña e das “forzas vivas” dominantes nas diversas localidades costeiras, malia o seu pretendido carácter “apolítico”. De feito, ao seu principal propagandista, o capitán de corbeta e representante da “Dirección de Navegación y Pesca Marítima” Alfredo Saralegui Casellas, de orixe ferrolá, xuntáronselle numerosos funcionarios das Axudantías, párrocos, fabricantes, armadores, xornalistas, médicos, membros de profesións liberais vinculados ao asociacionismo profesional, e, mesmo, agrarios próximos ao lerrouxismo.
O caso de Muxía pode ser un paradigma nos pasos a dar para constituír un “Pósito de Pescadores”. Así, con data do 23 de abril de 1929 e “convocados por el Ayudante del Puerto de Camariñas, José Bedoya Pérez”, reuníronse o Alcalde Gervasio Varela Toba, o médico titular Alejandro Abella Lema, o párroco Manuel Eirín Cadavid, o comerciante José Agrelo Puertas, o farmacéutico e “demás personas de significación de esta localidad y gran número de pescadores, con objeto de formalizar la sociedad”. Unha vez aprobados os Estatutos e nomeados os membros da “Junta Inspectora”, que recaeron nos devanditos persoeiros presididos polo Axudante de Porto, procedeuse a:
“…elevar una solicitud al Excmo. Sr. Presidente de la Comisión de la Caja Central del Crédito Marítimo pidiendo subvención, y telegramas expresivos a los Excelentísimos Srs. Ministro de Marina, Director General de Navegación y Pesca y al Presidente de la Caja Central del Crédito Marítimo, y telegrafiar al Comandante de Marina anunciándole la constitución y pidiendo para el la protección de dichas superiores autoridades.”.
A vila de Cambados inaugurou o primeiro Pósito de todo o litoral do Estado español o 17 de Nadal de 1917, adiantándose en pouco tempo aos homónimos de Teis e Cangas, que desaparecerían en breve, e aos de Vigo e Redondela. Dous anos máis tarde, en 1919, o Pósito cambadés declaraba ter 400 socios (300 homes, 65 mulleres e 28 rapaces).
A vila de Cambados inaugurou o primeiro Pósito de todo o litoral do Estado español o 17 de Nadal de 1917, adiantándose en pouco tempo aos homónimos de Teis e Cangas.
Nos anos inmediatos, acadada a posta en funcionamento da “Caja Central de Crédito Marítimo”, os Pósitos espalláronse mediante o diñeiro público e o esforzo persoal do trinomio Saralegui/Benigno Rodríguez Santamaría/Odón De Buen, inicialmente polo litoral mediterráneo e polas Rías de Arousa (A Pobra, 1918; Carril, Rianxo, Vilaxoán, 1919) e Muros-Noia (Muros, 1918; O Son, 1919; Esteiro e Lira, 1921), aproveitando o tecido social dependente dunha maioritaria pesca artesanal de base familiar e afastado do societarismo mariñeiro combativo. Máis tarde, xa entrada a década dos 20, estendéronse polas Rías de Vigo (Aldán, Moaña, Cangas, Baiona e Bouzas, 1921), Pontevedra (Estribela-Marín, 1923; Bueu, 1924), Rías do Norte (Miño, Mugardos e Pontedeume, 1922; Cedeira e Cariño, 1923) e Cantábrico galego (Burela, 1923; Foz, 1929), acadando un forte incremento nos anos da Ditadura de Primo de Rivera, ao aproveitar o clima de persecución que deberon soportar as sociedades mariñeiras de clase, dunha banda, e o bo acomodo dos Pósitos no modelo de corporativismo social que pretendeu implantar aquel réxime político, doutra.
Estes Pósitos, estiveron agrupados nunha “Federación Gallega de Pósitos Marítimos”, creada en 1925 e residente a partir de 1927 en Cangas baixo a presidencia do carismático José Costa Alonso, “pescador de Moaña, católico, hombre de orden, bienquerido por la dictadura primoriverista, que acaba vistiendo el uniforme de Falange”. Costa tiña en Madrid, asemade, un posto de conselleiro, primeiro na “Caja Central de Crédito Marítimo” e logo no ISM, dependente do Ministerio de Traballo durante a República, sempre baixo a presidencia de Alfredo Saralegui.
No curto período republicano, funcionaron no litoral galaico un total de 58 Pósitos de Pescadores agrupando a 7.309 afiliados, que representaban perto do 25% do total estatal. A inquedanza ideolóxica propia do período republicano e o importante desenvolvemento do sindicalismo de clase no mar nese período, que tamén coñeceu unha forte conflitividade na industria pesqueira, influíron na moderada clientela dos Pósitos, que, daquela e no seu conxunto, se emprazarán nun terreo máis neutral respecto das loitas sociais e os posuidores dos medios de produción, algo que aconteceu tamén noutras zonas do litoral español, tal que a costa andaluza ou asturiana. En Galicia e a partir do primeiro bienio republicano, acabou minguando o indiscutíbel influxo que sobre eles mantiña o monárquico e dereitista José Costa e os seus seguidores. O propio Costa, diante da importante participación nos Pósitos de persoas achegadas ao PSOE, á IR, ao PCE e á CNT, moi visible no caso dos mestres das Escolas dos Pósitos, debeu entregar contra 1934 a Francisco Diz Viñas, mariñeiro de ideario socialista e representante do Pósito da Illa de Arousa, a presidencia da “Federación Gallega de Pósitos Marítimos”.
Os Pósitos, dende logo, ao representar en solitario os intereses da xente de mar nos portos pequenos captaron un bo número de mariñeiros da pesca artesanal e da baixura, pois o seu labor social aliviou un chisco a ruín condición na que se atopaban, estimulando unha meritoria obra de previsión social a través das súas Seccións, sinaladamente as de Socorros Mutuos (asistencia médica e farmacia, enfermidade, vellez, máis que nada) e a “Mutualidad de Accidentes de Mar y de Trabajo” creada “de facto” baixo supervisión do ISM a partir de 1933, incorporando todas as embarcacións de pesca que ían “á parte”. Canto ao “Retiro Obligatorio”, compre sinalar o compromiso dos Pósitos coa expansión do seguro en cuestión entre os pescadores artesanais, compromiso manifestado na asemblea da “Federación Gallega de Pósitos Marítimos” celebrada no ano 1930 no Ferrol, na que se decidiu colaborar coa “Caja Regional Gallega de Previsión Social” e organizar actos pedagóxicos e informativos para espallar as pensións de vellez entre os pescadores. Tamén acadaron unhas poucas melloras na infraestrutura portuaria, caso do porto de refuxio de Burela ou o de Cariño, e promoveron unha dificultosa expansión do cooperativismo de consumo (economatos, por exemplo) contando coa oposición dos comerciantes. Mais, por riba de todo, os Pósitos alentaron a faciana educativa e cultural nas súas Escolas e Bibliotecas, algunhas delas (como a de Cangas, dirixida por Felipe Carnicer López) modélicas na pedagoxía do ensino profesional, polo que a partir de 1928 foron denominadas “Escuelas Nacionales de Orientación Marítima”, en adiante baixo dependencia do Ministerio de Instrucción Pública republicano.
Tras a Guerra Civil e non sen antes suspender ou clausurar varios Pósitos (Louro, os tres de Cangas, Cambados, Foz, O Pindo…) e perseguir a non poucos daqueles mestres ou mariñeiros que foron quen de acadar o seu achegamento ás esquerdas (o propio Francisco Diz, foi un deles), a Ditadura franquista impuxo as “Cofradías Sindicales de Pescadores”, que substituíron oficialmente aos Pósitos a partir da Lei do 31 de Marzo de 1943 pola que aquelas foron declaradas oficialmente corporacións de “derecho público”, vinculadas de xeito obrigatorio ao falanxista “Sindicato Vertical de la Pesca”.
Durante o seu percurso, o réxime franquista vai respectar en boa medida tanto o armazón do ISM republicano como a estrutura dos Pósitos, proxectándoa nas flamantes Cofradías Sindicais de Pescadores, se ben con tres novidades importantes: a) un ríxido control do réxime respecto da elección das Juntas de Goberno (agora chamadas Cabildos), xa que o Presidente (agora Patrón Mayor) era designado a dedo polo Jefe Provincial do Sindicato da Pesca e o propio Patrón Maior elixía á súa vez aos Jefes das Seccións Social, Económica e Asistencial, nas que se organizaban as Cofradías b) fronte á anterior neutralidade relixiosa dos Pósitos, vaise a introducir o nacional catolicismo nas súas Ordenanzas, entendida a devoción relixiosa como elemento fulcral para poder exercer unha tutela efectiva sobre os pescadores. Daquela, cada Cofradía debería ter unha adscrición relixiosa e nomear un capelán, que tería voz sen voto no Cabildo c) en diante, as Cofradías Sindicales de Pescadores estarán presentes en todos os portos, encadrando tamén á totalidade de armadores e tripulantes alí onde predominaba a pesca industrial, caso de Coruña, Vigo e Marín.
Até a recuperación do réxime de liberdades públicas a partir de 1977, o franquismo impuso no mar o modelo confesional, tutelado e autoritario das “Cofradías Sindicales de Pescadores”.
En conclusión, ata a recuperación do réxime de liberdades públicas a partir de 1977, o franquismo impuso no mar o modelo confesional, tutelado e autoritario das “Cofradías Sindicales de Pescadores”.
O Pósito de Pescadores de O Pindo
A primeira noticia que temos do Pósito desta localidade, data de 1927, cando estivo representado na asemblea de constitución da Confederación Española de Pósitos Marítimo-Terrestres, celebrada en Madrid entre os días 20 e 23 de Maio daquel ano. Naquela asemblea, os Pósitos galegos (o de O Pindo incluído) estiveron representados polo mestre cambadés Antonio Magariños Granda, secretario da “Federación Gallega de Pósitos Marítimos”. Non obstante, O Pindo non asistiu á IIª Asemblea da “Federación Gallega de Pósitos Marítimos”, celebrada no ano 1926, polo que presumimos que se constituíu entre os anos 1926 e 1927, en plena Ditadura de Primo de Rivera. Segundo nos informa o investigador local Xilberto Caamaño, o Pósito si estivo representado na Vª Asemblea celebrada en Fisterra en agosto de 1929, onde se desprazaron catro mariñeiros de O Pindo: Antonio Casais, Andrés Vázquez, Manuel Caamaño e Manuel Cancela. O territorio que abranguía o Pósito era o porto de O Pindo, Quilmas e a Fontevella-Caldebarcos.
Descoñecemos a composición exacta da primeira Junta de Goberno do Pósito, pero si sabemos que o primeiro Presidente foi Perfecto Caamaño “O Tocaio”, patrón de lancha xeiteira, e entre os primeiros socios que tivo o Pósito se atopaban membros da familia de “Os Rubios”, apelidados Riveiro. Máis tarde, durante a República, ocupou a Presidencia outro patrón de lancha xeiteira, Rafael Caamaño Domínguez, avó de Cándido Marcelino Caamaño e baixo o seu mandato edificouse o local onde estamos. A secretaría ocupouna na primeira etapa republicana o asesor do Pósito Juan Antonio Fernández Seisdedos, mestre pontevedrés do que despois falaremos, e a partir de 1935 exerceu como secretario José Rey Casais, un mariñeiro autodidacta que posuía un bo nivel cultural, e de quen dí Costa Alonso nas súas Memorias que era un home “moi capacitado e instruído”. Ademais, formaron parte daquela Junta da etapa republicana os mariñeiros Ramón Rivero Louro (que aos poucos ocuparía a presidencia) e Antonio Casais Palacios.
Polo que nos contou algún veciño de idade avanzada, o primeiro local do Pósito estivo na tribuna ou encascadoiro da fábrica de Cerdeiras, onde tamén radicou a primeira lonxa, o que nos pode facer pensar que na constitución do Pósito participou, tal e como aconteceu noutros moitos portos, xente principal da localidade, caso do fabricante Cerdeiras. Posteriormente, xa na República, o Pósito transladouse, primeiro, a unha casa perto de onde hoxe está o bar “A Revolta” que era de Antón do “Rubio” da familia dos “Rubios”, e, logo, con data 9 de agosto de 1935 a Dirección General de Puertos, aprobou unha concesión para construír o edificio onde hoxe estamos, que xa estaba rematado cando estoupou a Guerra Civil. A construción fíxose en boa medida polas achegas voluntarias de moitos asociados, que carrexaron o material en carros de bois e levantárono pedra a pedra; non obstante, cando chega o golpe militar de 1936, aínda se lle debían en torno a 10.000 pts. a 25 veciños que aportaran materiais, unha cantidade que se lles comezou a pagar na tardía data de marzo de 1950. A fins da República, o local albergaba unha taberna-cooperativa de consumo (economato, onde se vendía a prezos máis baratos que no comercio local), un salón de actos e un recinto-almacén para que puideran traballar as atadoras, almacenar aceite, piche, casca de carballo precisa para tinxir as redes e tamén para deixar as gamelas.
Sabemos tamén que dende o ano 1928 xa funcionaba a Escola do Pósito, que foi rexentada ata o ano 1935 polo devandito mestre Juan Antonio Fernández Seisdedos, que tiña un ideario republicano. Como dixemos, a Escola tomou o nome a partir de 1928 de “Escuela Nacional de Orientación Marítimo Pesquera” de O Pindo, e estivo radicada nun comezo nunha casa da Capilla propiedade do Cego, o home da Primeiriña; anos despois, a Escola trasladouse a outra casa da Capilla, coñecida como Casa da Pelisa. Como dixemos, este mestre Seisdedos implicouse moito nos labores do Pósito quer como asesor, quer como secretario; ademais, representou ao Pósito en distintas ocasións, caso da Asemblea da “Federación Gallega de Pósitos Marítimos” celebrada na Coruña entre o 9 e o 11 de Agosto de 1933.
Precisamente, entre agosto e setembro daquel ano, vai recalar en O Pindo e máis concretamente no local do Pósito de Pescadores sito na Casa de Antón do “Rubio”, aquela renovadora proposta de extensión cultural desenvolvida por todo o territorio da España republicana ata o golpe militar de xullo de 1936, que tomou a denominación de “Misiones Pedagógicas”. O Pindo formou parte, pois, do primeiro itinerario galaico das “Misiones”, desenvolvido entre o 11 de agosto e o 17 de decembro de 1933 baixo a dirección de Rafael Dieste e a colaboración dos pintores Cándido Fernández Mazas e Ramón Gaya, do pedagogo Xosé Otero Espasandín, dos escritores Antonio Ramos Varela, Arturo Serrano Plaja e Antonio Sánchez Barbudo, así como do cineasta José Val del Omar, que rodou un documental daquel extenso periplo que percorreu a frioleira de 28 vilas galegas (de Allariz ata Malpica, pasando polo Pindo; de A Mezquita a Fonsagrada), levando ás costas un museo circulante de arte, cine, servizo de biblioteca, música en gramófono e, por vez primeira, os monicreques rotulados “Retablo de Fantoches”. Aínda se pode ver na entrada “Misiones Pedagógicas” da GEG, unha fotografía da motora de pasaxe que enlazaba Corcubión con O Pindo, transportando os trebellos que fixeron posible aquel evento.
A xira incentivou a doazón de bibliotecas a numerosas escolas primarias ubicadas polo país adiante, previo informe da “Inspección de Primera Enseñanza” respecto das condicións daquelas e a disposición dos mestres.
A xira, por certo, incentivou a doazón de bibliotecas a numerosas escolas primarias ubicadas polo país adiante, previo informe da “Inspección de Primera Enseñanza” respecto das condicións daquelas e a disposición dos mestres. Cada biblioteca estaba constituída por cen libros, distribuídos en tres partes: unha para nenos (contos de Grimm, Andersen, Hoffman,..), outra para adultos (obras de Galdós, Quevedo, Tolstoi, Víctor Hugo…) e unha terceira composta de material didáctico e de consulta. A Escola do Pósito de o Pindo foi unha das favorecidas, e recibiu un daqueles lotes mercé ás xestións do mestre Juan Antonio Fernández Seisdedos, que foi un dos alicerces da visita das “Misiones”. Unha biblioteca que, todo hai que dicilo, foi expoliada tras o funesto golpe militar de xullo do 36.
A iniciativa desta primeira Misión debeu ter moito éxito, posto que houbo unha segunda parte. Así, entre o 12 de xullo e o 23 de agosto do ano 1935, baixo a responsabilidade do mestre e reputado poeta e ensaísta Xosé Otero Espasandín, desenvolvéronse numerosas actividades de arte, cine (que se proxectou contra a parede branqueada do almacén do Pósito, xa construída) e música outra volta no domicilio do Pósito de Pescadores de O Pindo, que supoñemos estaría sen rematar xa que, como dixemos, a concesión de Puertos para edificalo data do 9 daquel mes e en dúas semanas non habería tempo para construílo.
De acordo con estas actividades, o Pósito se nos presenta como unha entidade con talante aberto e moderno, preocupado pola cultura dos seus socios e da veciñanza en xeral, se cadra influído pola ideoloxía liberal do mestre Seisdedos. Polo que sabemos, ningún dos seus responsables máximos tiña un compromiso político coas esquerdas (de feito, o secretario era máis ben das dereitas) pero esta identificación co espírito cívico republicano da que falamos, quizais explique a desfeita que lle acontecerá ao Pósito pouco despois. En todo caso, o Pósito si participou activamente nas axitacións mariñeiras acontecidas dende Fisterra ate a A Guarda en abril-maio de 1936, coa crise do prezo da sardiña como pano de fondo. Segundo nos informa Xil Caamaño, a mariñeiría de O Pindo tomou parte no paro que o 13 de maio levaron a cabo 400 embarcacións, que paralizaron a frota da sardiña dende Fisterra a O Pindo e encheron as rúas de Corcubión, esixindo que ficaran excluídas as fábricas de conserva e salga das disposicións que impedían vender sardiña elaborada fora da súa contorna territorial.
Moi brevemente, por pouco máis de un mes, o Pósito de Pescadores deberá compartir o seu papel de representante da clase mariñeira de O Pindo co Sindicato de Pescadores y Oficios Varios integrado na CNT, constituído o 7/6/1936. Segundo fontes orais, o sindicato, que tiña o seu domicilio nunha casa do peirao da estrada a Ézaro, creouse para que os seus afiliados puideran ser contratados nas obras da ponte do Xallas, xa que se pedía carné sindical, quer da UGT, quer da CNT, algo que posuían os veciños do Ézaro, que xa estaban sindicados. Non obstante, nas súas filas tamén houbo xente de mar; de feito na directiva estaban mariñeiros como José Lado Martínez “O Roquiño”, Manuel Díaz Lestón e José Caamaño Castro. Completaban a directiva o presidente Avelino Riveiro “O Pateiro”, electricista que exerceu tamén de peatón de correos entre Quilmas e Corcubión, Francisco Llaneza e Manuel Sánchez.
Tras o golpe militar todo mudou: nos primeiros días, o Pósito de Pescadores foi asaltado por falanxistas chegados de Muros, que procederon á incautación ordenada pola autoridade militar do seu local social e da cooperativa de consumo.
Tras o golpe militar todo mudou: nos primeiros días, o Pósito de Pescadores foi asaltado por un monte de falanxistas chegados de Muros en dúas camionetas, que procederon á incautación ordenada pola autoridade militar do seu local social e da cooperativa de consumo; daquela, desapareceron dende o mobiliario e os produtos alamacenados ata os libros da biblioteca, e non se salvou nin a documentación do Pósito, que tamén desapareceu. Canto ao mestre Seisdedos, naquela altura destinado ao Pósito da Moureira, en Pontevedra, foi suspendido do seu cargo polas novas autoridades. Polo que sabemos, nin o Presidente nin o secretario á sazón do Pósito de O Pindo sufriron represalias, contrariamente ao que lles aconteceu a algúns directivos do sindicato cenetista: uns, como José Lado, foron maltratados polos falanxistas en Muros; outros, como Avelino Riveiro, pasaron algún tempo fuxidos no Pedreghal, como tanta outra xente. E o que foi máis doloroso, o propio local do Pósito foi empregado polos falanxistas para as malleiras e os malos tratos que deberon aturar non poucos veciños.
Tamén a Escola foi pechada e non puido abrir antes, ao incumprir o Concello un contrato asinado coa Cofradía en decembro de 1948, no que se contemplaba instalala nunha parte do local social non utilizada, comprometéndose a investir o Axuntamento o diñeiro que cobraba pola Lonxa. Ao cabo, a Escola reabriu en 1951 mediante un crédito do Crédito Marítimo Pesquero solicitado pola Cofradía.
Ao desaparecer a documentación do Pósito, descoñecemos se este funcionou no período 1936-1944, data na que, como se dixo, os Pósitos se converteron en “Cofradías Sindicales de Pescadores”. Si sabemos que, no ano 1945, quedou constituída a Cofradía Sindical de Pescadores de O Pindo, tras a presenza do devandito José Costa Alonso, que debeu solucionar diversos problemas que a Jefatura Comarcal de Sindicatos falanxista, domiciliada en Muros, puxo para o seu funcionamento. Daquela, o seu primeiro Patrón Maior foi Perfecto Casais Caamaño, continuando como secretario o derradeiro do Pósito antes do golpe militar, José Rey Casais. Naquel período comprendido entre 1945 e 1950, no que os principais problemas da localidade eran a falta de pesca debido aos abusos dos pesqueiros de arrastre litoral e á utilización masiva da dinamita, a falta de telefono que inutilizaba á lonxa, o illamento por terra ate que se rematou a ponte do Xallas no ano 1952, e o abandono en canto á escolarización dos rapaces, as principais conquistas do Pósito, foron o tan solicitado porto de refuxio, construído en 1944, a constitución da Cooperativa de Mar en abril de 1949 e a implantación en 1951 do Seguro de Enfermidade na baixura, algo no que xogou un papel sobranceiro José Lado Martínez, que non por pertencer ao Cabildo do Pósito naquela altura deixou de profesar un ideario de esquerdas. Nese tempo, no ano 1951, o Pósito estivo rexido por José Piñeiro Sambade como Patrón Maior, o incombustible Rey Casais como secretario, e como vocais outro veterano do Pósito, Ramón Mayo Bermúdez, a carón de José Lado Martínez, Bruno Piñeiro Casais, Manuel López Pais, Rafael Lamela López, Manuel Lado Casais e Marcelino Piñeiro Casais; daquela, declaraba ter 598 afiliados.
E ata aquí chegamos. Sirva esta incompleta intervención para destacar o importante papel do Pósito de Pescadores e da súa continuadora, a Confraría de Pescadores, como xenuínos representantes e defensores dos dereitos da xente do mar e da veciñanza en xeral de O Pindo. E sirva tamén de sinxela homenaxe aos homes e mulleres que dende hai máis de 80 anos, dedicaron e dedican moitas horas da súa vida a estas nobles tarefas.
Informantes
- Sr. Cándido Marcelino Caamaño.
- Sr. Lamela.
- Sr. Domingo de Pedro.
- Sr. Xilberto Caamaño Beiro.
Bibliografía
- ANSOLA FERNÁNDEZ, A. (2007), “Una pesca feliz: Alfredo Saralegui y sus Pósitos de Pescadores (1915-1936)” en Revista “Historia Social”, nº 57, Valencia, UNED.
- COSTA ALONSO J., RÚA COSTA X.L., SANTOS CASTROVIEJO I. (2000), “José Costa Alonso. Memorias da miña vida societaria”, Santiago, Consellería de Pesca.
- PEREIRA, D. (2011), “Loita de clases no mar e represión franquista contra os pescadores galegos (1864-1939), Vigo, Xerais.
- PEREIRA, D. (2013), “Os pósitos de pescadores do antigo réxime a IIª República: unha iniciativa conciliadora?”, Revista “Minius”, nº 21, Vigo, pp. 61-85.
- PEREIRA, D. (2014), “Adhesiones y consensos durante el primer franquismo: la Galicia marinera (1936-1954” en PRADA RODRÍGUEZ, J. (Dir.) No solo represión. La construcción del franquismo en Galicia, Madrid, Biblioteca Nueva, pp.107-122.
Outros
- Libros de Actas da Cofradía de Pescadores 1949-1953.