Os traballos de Dionísio e os días de Dionisos

Lourenzo Fernández Prieto
LOURENZO FERNANDEZ PRIETO, CATEDRATICO DE HISTORIA E RESPONSABLE DO PROXECTO ‘NOMES E VOCES’

Quero felicitar a Dionísio. Darlle os parabéns, pero non polo aniversario senón por ser e facer. Cumprir anos non ten mérito, enchelos é o que ten mérito.

Cando abrazou a querenza libertaria, alguén debeu dicirlle ao noso amigo que iso significaba que non podía deixar de producir nin un só día, para estar a altura das grandes figuras do movemento operario. Mesmo pode que fose antes, cando descubriu a República “de traballadores de todas as clases”, tan oposta ao “señoritismo” aristocrático da folganza, cando decidiu que o del era traballar sen parar. O rebelde que leva dentro é tamén o atleta que vai con el dende rapás, por iso nunca cansa. Tamén o acompañan a rebelión e o socialismo; as dúas van con el; a rebelión de non asumir a inxustiza e para lograr a mudanza e o socialismo como forma de atender as necesidades das persoas e mellor medio de estender os bens colectivos. Tamén por iso é economista, non só historiador.

Repasar o seu blog como me propuxo dá moitas chaves da súa personalidade. Sempre inconformista. Repasar a súa discografía preferida lévanos ao rabudo rebelde contestatario que gosta de “Hendrix, Jethro Tull, Joy Division, a Velvet, Jerry García, Cream, Rory Gallagher, Faiport Convention, Brian Jonestown Massacre, e a sicodelia en xeral…” Inconformista e insatisfeito empedernido, porque non da cabo á grande obra de produción historiográfica que se puxo ao lombo hai polo menos corenta e catro anos. Vai acougando che! Quédache moito por faceres, pero controla a ansia ho! Que tempo tés.

Todo o seu traballo historiográfico ten unha dirección emancipadora que resume ben nese decálogo en desorde do seu blog Na volta do camiño, que ten a orde inconfundible -mal que che pese, Dionísio- do pouso da cultura cristiá. Un decálogo non engana nunca, porque enmarca sempre na orde do seu mandato a orixe xudeu-cristiá que nos conforma. Como podía ser outra? Mesmo contra deuses e tribunos levamos connosco o peso do pasado e da cultura. Tampouco podía ser doutro xeito. Dende o ateísmo reflexiono historicamente: de onde tiraron os mozos e mozas antifranquistas dos anos sesenta e setenta a vocación emancipatoria, senón de tantos grupos cristiáns postconciliares? De onde viña a vontade de xustiza social dos republicanos burgueses que estragaron a vida intentado unha reforma agraria para acabar coa miseria xornaleira, a fame e a inxustiza nos campos do sul? De onde as vontades emancipadoras dos movementos agrarios e operarios? E as dos liberais revolucionarios? E as dos masóns? De onde as vontades de rebelión, axuda mutua e solidariedade dende os diggers e os levelers, dende os Irmandiños e antes dos cátaros ou os priscilianistas?. Liberarse empeza por diagnosticar.

Cantos traballos publicou Dionísio até agora? Non os contei pero haberá que
numeralos, si. O repaso do seu traballo impresiona e non vou improvisar o que
merece unha análise historiográfica moito máis demorada e rigorosa.

Só quero apuntar algúns riscos que se observan e o definen.

Todos os seus traballos publicados teñen unha dirección emancipadora e galega e en galego. Tanto ten se trata de movementos sociais como de seu benquerido mundo do mar, se é un traballo de historia ou de etnografía. Se descubre secretos na súa “patria pequena” da Terra de Montes ou escribe de política. A dirección está clara en todos estes campos. Este é o punto cero, o de partida.

Conferencia impartida no ciclo Pasados Incómodos. Guerra, Memoria e Historia, HISTAGRA, Santiago de Compostela, 2020.

O primeiro risco é o da colaboración. Con quen non traballou Dionísio? Con que persoa ou institución que llo pediu se negou a colaborar? Algunha hai de certo e os seus bos motivos terá, pero impresiona a vontade colectiva de colaboración con organizacións sociais, institucións académicas, centros de ensino, asociacións culturais, movementos sociais, organizacións sindicais, partidos, institucións políticas… O colectivo Xerminal foi xa un modelo inspirador para nós cando eramos estudantes naquela época de pulo no esforzo colectivo… estamos agora homenaxeando ao G.E.H.R. que son do seu tempo como os de Mientras Tanto.

O segundo é a precisión propia do reloxeiro ou do operario montador. Nin na Academia nin fóra dela. É unha sentenza súa que o define. Difícil atopar máis interese pola precisión, o rigor e o apoio documental que no seu traballo. Difícil atopar máis rigor académico que nas súas citas e referencias documentais, nas súas elaboracións e reelaboracións de materiais, coma fai neste último libro con Eliseo sobre a Resistencia armada ao golpe militar de 1936. Unha precisión propia de quen traballa para os demais, non para ser o autor renacentista nin o sabio local, nin o máis listo da aldea. 

Esa é a terceira característica do seu traballo. Labora para os demais, pensando nos demais, en que quede feita parte dunha obra máis ampla e colectiva. Seino ben de cando traballamos en Nomes e Voces, pero vese ben se coñecedes a súa obra. Nin apropia nin expropia porque traballa para aportar, despois de indagar, descubrir e remexer e remexer.

Labora para os demais, pensando nos demais, en que quede feita parte dunha obra
máis ampla e colectiva.

A cuarta é que traballa máis do que da contado, pero nunca máis do que lembra, como ambos os dous sabemos. Imposible collelo nun renuncio… e mira que o levo intentado en anos, nun xogo que nos traemos. Da listaxe da súa produción toda aló no fondo da webgrafía mesmo aparece unha comunicación -á que lle teño especial cariño- que presentamos el e máis eu nunha universidade norteamericana naquela lembrada viaxe a Boston, con extensión a New Bedford e a aquel museo da balea no que entrou preguntando polo seu amigo o director… É imposible lembralo todo, pero aquela viaxe non é para esquecer.

Fora de número e de categoría unha outra característica do seu traballo é que traballa para sentirse querido, quere que o queiran, como todos. É bo saberse querido. Necesitámolo meu amigo. E ti xa o sabes.

Dionisio é un traballador infatigable, pero non porque non sirva para outra cousa, en contra do que sentencia o dito popular. Como bon home desta terra, vivir significa gozar dos praceres da vida e da compañía e niso tampouco ten moito quen lle gañe. Como bon home daquel tempo que inaugurou a Ilustración, sabe ben que a conquista da felicidade é un dos mellores traballos que pode dar a vida. Como bon home solidario e como loitador pola emancipación social, aspira e traballa pola felicidade da Humanidade. E non é unha utopía. E non o fai ollando pola fiestra. 

Dionísio é tamén Dioniso, o deus olímpico, e o Baco romano das conspirativas bacanais, das festas do país, logo. Deuses da parra e do viño. Como non podía ser doutro xeito nun ourensán-coruñés coma el. Unha estirpe imbatible á que el fai honra no tempo que non está no arquivo, ou escribindo, ou entrevistando vellos, ou sachando na horta, ou fendendo estelas para o inverno, ou viaxando con Lola.

Santa Marta de Compostela, 31 de Maio de 2023