A nosa historia social desde a constancia e o compromiso

  Eliseo Fernández
ELISEO FERNANDEZ: DOCUMENTALISTA E INVESTIGADOR DO ANARQUISMO NA GALIZA

A investigación da historia dos movementos sociais na Galiza contemporánea comezou a ter certa relevancia nos anos da Transición, especialmente no final dos anos 70 e na década dos 80. Nesa altura comezaron a publicarse numerosos traballos que tentaban achegar visións até o momento ocultas sobre a Galiza de preguerra; aínda que a historia do movemento obreiro e dos movementos sociais de esquerdas non foron unha prioridade para a Academia, aos poucos tamén comezaron a aparecer traballos de investigación sobre estas áreas. Dionísio comezaba daquela unha incesante tarefa investigadora que ía comezar a dar os seus froitos a través de traballos de investigación realizados en parcería con Manuel González Probados ou o Colectivo de Historia “Xerminal”. Foi esta época inicial a de aproximacións á historia do movemento obreiro, da prensa sindical, a cultura obreira e ao anarquismo, que foron saíndo en artigos no semanario “A Nosa Terra”, contribucións en congresos, ou colaboracións na Gran Enciclopedia Gallega. Para a elaboración destes traballos Dionísio puido contar coa inestimable colaboración dun fato de protagonistas daquela historia ou familiares de militantes, que lle transmitiron a súa experiencia e a súa memoria, axudando a dar sentido á fría documentación dos arquivos e da información xornalística.

A inquedanza investigadora de Dionísio consolidouse na década de 1990 e deu lugar a traballos de maior entidade: eis a participación co Colectivo “Xerminal” na obra colectiva “Movemento obreiro en Galicia: catro ensaios”, a coordinación do volume “Os Conquistadores Modernos”, a monografía “A CNT na Galicia (1922-1936), o volume “Imaxes da fatiga” ou a publicación de “Sindicalistas e rebeldes”, un traballo que recompilaba (e en parte tamén reelaboraba con novos datos e interpretacións) boa parte da obra dispersa publicada nos anos anteriores. 

Foi precisamente despois da publicación de “Sindicalistas e rebeldes” cando comecei a colaborar con Dionísio. Na altura eu vivía en Madrid e como tiña acceso a algunhas fontes como a prensa depositada na Hemeroteca Municipal ou os fondos da Fundación Anselmo Lorenzo, brindeille a posibilidade de proporcionarlle algunha axuda nas súas investigacións. Dionísio non só aceptou a miña colaboración senón que tamén me convidou a formar equipa para abordar algunhas pescudas de maneira conxunta.

Daquela colaboración saiu en 2004 “O Anarquismo na Galiza: apuntes para unha
enciclopedia”, no que recollíamos varios centenares de biografías de persoas e
colectivos relacionados co anarquismo galego.

Este traballo partía de dúas consideracións importantes: a de entender o movemento libertario nun sentido amplo, abranguendo persoas e colectivos non especificamente anarquistas; e a de que a historia deste movemento non podía reducirse á traxectoria duns poucos persoeiros e colectivos, senón que era unha historia coral con voces moi diversas e non sempre uniformes.

Moi pouco tempo despois, en 2006, publicamos “O Movemento Libertario na Galiza (1936-1970)”, en certa medida como continuación natural da investigación de Dionísio sobre a CNT entre 1922 e 1936. Esta obra estaba xa tamén moi relacionada coa evidencia da represión franquista e da resistencia anarcosindicalista á Ditadura, abrindo campo a novas temáticas de investigación como a das redes de evasión por vía marítima desde a Galiza, un tema no que Dionísio afondou posteriormente en títulos como o libro colectivo “A fuxida do Portiño” e “Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939)”.     

Aqueles anos e os posteriores foron de colaboración en numerosos artigos de publicacións periódicas, capítulos de libros e investigacións presentadas a congresos, entre os que poderíamos destacar o traballo sobre “Mulleres libertarias na Galiza (1931-1939)”, escrito para o Congreso da Memoria celebrado en Culleredo en 2005, así como innumerables investigacións sobre a represión franquista tal que a realizada en común con Víctor Oia “Escenarios da loita de clases e represión franquista na Galiza urbana: os casos de Coruña, Ferrol e Vigo”, publicada en 2015.

Presentación do libro “A primeira resistencia armada ao golpe militar na Galiza (1936-1940), na Gentalha do Pichel, Santiago de Compostela, 2020.

A inquedanza por afondar na historia do anarcosindicalismo galego deu froitos novamente en 2020 coa publicación de “Nacionalismo e Anarquismo na Galiza (1840-1940)”, no que tentábamos achegar unha visión de conxunto sobre os vínculos entre as loitas libertarias e de liberación nacional, desde os tempos de Antolín Faraldo e “El Porvenir” até a guerra civil. Unha investigación na que tamén quixemos pescudar algo máis sobre as posibles relacións entre as novas formas da loita de clases, coas vellas tradicións da propiedade comunal e o traballo colectivo presentes na Galiza.

A obra de Dionísio arredor dos movementos sociais na Galiza contemporánea, representa un conxunto enormemente coherente de investigacións sobre o anarcosindicalismo e o marxismo heterodoxo ao longo da nosa historia contemporánea, e por extensión de toda a cultura rebelde e reivindicativa no noso país. Unhas investigacións que foron enchendo baleiros no que atinxe á historia xeral e que tamén foron descendendo ao detalle arredor de experiencias locais, sectores económicos (nomeadamente o mundo pesqueiro) e biografías militantes. Unha obra que, sen perder en obxectividade e o rigor histórico, está marcada tamén pola vontade de relacionar esa parte da historia do país cos problemas contemporáneos. Lonxe da análise forense dunha realidade histórica, está a vocación de Dionísio de que novos movementos sociais contemporáneos tais que o antimilitarismo, ecoloxismo, feminismo, e tamén o propio movemento obreiro, puideran atopar na historia referentes e ensinanzas aplicables hoxendía.

Nos últimos tempos e seguindo coas investigacións sobre a Galiza rebelde e reivindicativa, temos traballado na historia da primeira guerrilla antifranquista, reclamando a atención sobre os primeiros esforzos organizativos da resistencia contra a Ditadura, aínda en tempos da guerra civil, que foron a base das grandes organizacións guerrilleiras da década de 1940. Neste eido, temos publicado en 2022 o traballo “A primeira resistencia armada ao golpe militar na Galiza (1936-1940)”, que xa vai pola 2ª edición.

Tendo completado unha obra de grande extensión e solidez, accesible tanto para o público erudito como para as capas populares, Dionísio continúa a traballar en novas investigacións da nosa historia rebelde. Polo que a min respecta, agardo seguir compartindo con el novas partes dese percorrido, do mesmo xeito libre e en certa medida aleatorio en que temos traballado desde hai xa algo máis de dúas décadas.