(Intervención leída o 13 de agosto de 2023 na Ponte do Barco-Pedre-Cerdedo)
“Antes que nada, quero darlle os meus parabéns ás persoas e colectivos que nos últimos anos mantiveron esta convocatoria en lembranza do asasinato de Francisco Arca e Secundino Bugallo, afiliados á “Sociedad de Agricultores y Obreros “El Trabajo” de Figueiroa-Cerdedo, federada na CNT galaica, cometido neste mesmo lugar polos falanxistas cerdedenses e pontevedreses hai 87 anos.
Como naceu esta iniciativa na Ponte do Barco vai xa para 17 anos?. Pois a idea parteu de Rogelio Arca Rivas, fillo de Francisco Arca, ao que coñecimos hai xa moito tempo e visitamos unha chea de veces na súa casa de Figueiroa, que era ben distinguida por ter unha placa coa bandeira republicana dedicada ao 14 de Abril de 1931.
Rogelio, a carón doutros veciños da parroquia de San Martiño de Figueiroa, fixo a guerra incorporado ao Ejército Popular da República na “Columna del Rosal” logo reconvertida na 39 Brigada Mixta de maioría confederal, coa que percorreu diversas frontes de guerra, tal que Madrid, Guadalajara ou Aragón, sempre acompañado por unha vella Kodak, coa que fixo moitas fotografías. Algunhas delas, puidéronse salvar e logo foron publicadas no libro “Album de Guerra. Canteiros da Terra de Montes no Exército Popular da República” onde se recollen parte das súas memorias que, no seu conxunto, aínda están inéditas.
Pois ben, foi Rogelio quen nos trouxo ao comezo do século XXI a este lugar da Ponte do Barco, sinalounos o sitio exacto onde se recolleron os corpos e animounos a colocar un pequeno monumento na memoria das vítimas. E así o fixo a finada Asociación “Verbo Xido” no ano 2006, contando sempre coa presenza de Rogelio ata que faleceu correndo 2010.
Esta placa padeceu en tres ocasións os ataques fascistas, comezando polo mesmo día da inauguración cando a caverna queimou o monte e tivemos que levar a cabo os actos no medio do fume e nun ambiente ameazador.
Dende aquela, esta placa padeceu en tres ocasións os ataques fascistas, comezando polo mesmo día da inauguración cando a caverna queimou o monte e tivemos que levar a cabo os actos no medio do fume e nun ambiente ameazador. Logo, rebentaron a placa nun par de ocasións e a que hoxe vedes débese ao pulo xeneroso da familia de Secundino Bugallo, que se fixo cargo dos gastos cando a devandita Asociación estaba xa no seu percurso final.
Non quero liarme de máis, pero deixádeme transmitirvos un exemplo da firmeza que Rogelio mantivo até o seu pasamento, firmeza que nin o paso polo campo de concentración da Plaza de Toros de Teruel, nin as periódicas visitas ao cuarteliño da Guardia Civil de Cerdedo, nin o ostracismo con que os fascistas locais pretenderon illalo do resto da veciñanza, puideron crebar; velaí: no ano 2007, con 94 anos cumpridos, foi a única persoa de Cerdedo que se ofreceu para testificar ao meu favor, no xuízo con que a familia do antigo alcalde falanxista Manuel Gutiérrez agasallou a este que vos fala entre os anos 2007 e 2009.
Tras os tres atentados, as reviravoltas do eido asociativo e o perpetuo desleixo institucional, este acto na Ponte do Barco certifica que aínda hai xente en Cerdedo que lembra todos os 13 de agosto canda Secundino e Francisco, aos como mínimo 201 represaliad@s no territorio do antigo concello, entre asasinados, mortos na Guerra Civil loitando no Ejército Popular da República e perseguid@s de mil maneiras polos franquistas.
Pero esta placa da Ponte do Barco é moito máis que un lugar de morte: é un lugar de memoria d@s vencid@s que non derrotad@s, e como tal sempre leva de seu un imperativo de xustiza que repare o crime cometido e castigue, tan sequera deslexitimándoos e presentándoos á sociedade como o que son, aos verdugos e aos seus herdeiros políticos. Para iso, xa o sabedes, compre que remate de vez a impunidade dos franquistas e se derrogue de inmediato esa vergoñenta “lei de punto final” que é a Lei de Amnistía do ano 1977.
En definitiva, eiquí e agora, o pulo xusticeiro de lembrar as vítimas de onte, ten o fondo significado de forxar fronte un mundo de insoportable desigualdade a propia resistencia de hoxe e propiciar a nosa esperanza no porvir.”