UN BALANCE DA COLONIA (I)
As sanguentas guerras de África, duraron case 70 anos (1859-1927); nelas perderon a vida uns cen mil rifeños e rifeñas, un 9% da súa poboación estimada naquel tempo. Os españois nunca airearon os seus mortos, pero non baixarían de 30.000 soldados e uns poucos civís. Logo, viñeron trinta anos máis de Protectorado sen a penas conflitos armados, cunha acción colonial que nunca foi avaliada con rigor e obxectividade en toda a súa amplitude, quer pola Administración española (exército incluído), quer pola historiografía hispana, empeñadas ambas até o día de hoxe na imperial tarefa de glorificar as heroicas fazañas bélicas.
No económico, a dominación española levou de seu unha certa modernidade e a aparición dun feble proletariado nun aguerrido país rural con orgullosos hábitos ancestrais, tras unha política de obras públicas deseñada maiormente con criterios de intervención militar e debido ao medre de certas industrias estractivas (as minas de ferro de Uxián, a modesta industria pesqueira de Alhucemas e un comezo de agricultura dirixida ao mercado na zona do Gharb, sobre todo) con mínimo arraigo para o desenvolvemento integral do país; con todo, as autoridades coloniais foron incapaces de evitar as “hambrunas” dos anos 30 e 40, que decimaron o Rif e consolidaron unha eiva estrutural: a emigración.
No eido social, a implantación dun precario sistema educativo e sanitario de carácter público, non reformulou a sociedade colonial dividida e segmentada na que, cando chega a independencia de Marrocos (1956), practicamente non había médicos e tan só moi poucos profesionais do ensino autóctonos. E no político, durante o Protectorado o pobo rifeño (agás unha élite urbana moi minoritaria achegada á influencia hispana) ficou indefenso no aspecto militar, mais tamén afastado do resto de Marrocos e situado nun territorio de ninguén no tocante á súa identidade diferenciada como pobo amazigh. Neste aspecto, convén lembrar que a vixilancia atafegante e a represión española se mantiveron durante todo o Protectorado con trazos de brutalidade contra todo tipo de resistencia aos mandatos das autoridades militares, xa fora o recrutamento de soldados rifeños para loitar con Franco na Guerra Civil, ou contra o activismo anticolonial partidario do caudillo exiliado, Abd el Krim.
O balance, lonxe rifeños e rifeñas dos fastos militares dos seus invasores (léase, por exemplo, o Desembarco de Alhucemas, cuxo centenario pretende celebrar con grande fanfarria o vindeiro ano a xerarquía militar española), é claramente negativo quer para a xente rifeña, quer para a cidadanía española obrigada a loitar nunha contenda que non era a súa e que se converteu nun campo de ensaio da nefasta Guerra Civil iniciada no verán de 1936. Un balance deficitario que, por certo, só foi espallado por historiadores/antropólogos estranxeiros (Sebastián Balfour, inglés; Mimoun Aziza, rifeño; Germain Ayache, marroquino) ou periféricos dentro do estado español (Gustau Nerín, catalán).
Pódese afirmar, pois, que no tocante ao Rif a España actual aínda non enxergou criticamente a súa violenta intervención colonial nin reparou os seus efectos, mantendo pola contra restos territoriais vergoñentos da mesma tal que os peñóns de Alhucemas e de Vélez de la Gomera, recentemente visitados con toda desvergoña pola ministra “socialista”´Margarita Robles.
Edificio da Intervención Regional del Rif, Villa Sanjurjo anos 30.
Misión Católica, Igrexa Parroquial de San José e antigo Colegio “España”, Al Hoceima.
OS ESPAÑOIS CELÉBRANSE A SI MESMOS (e II)
Que resta da presenza española na capital do Rif, Al Hoceima/Alhucemas?. No eido da arquitectura e con uso cotiá, moi pouco: a Misión Católica (de relevante actividade humanitaria), a Igrexa Parroquial de San José, o antigo Centro Escolar “España”, o Instituto Español Melchor de Jovellanos, un dispensario reconvertido, a vella Casa da Radio “Torres Quevedo”, o edificio do antigo Estado Mayor do Ejército Expedicionario español…e moi pouco máis. A decadencia, que ameaza ruína, do edificio que albergou a Intervención Regional, acompaña á depreciación de todo o hispano na cidade: co capital procedente da Península ausente de calquera das actividades económicas da urbe, practicamente só quedan unha trintena de españois residindo eiquí a tempo completo, case tod@s el@s profesor@s do devandito Instituto e uns cantos “padres” Trinitarios, xa que as Hermanas “Hijas de la Caridad” que tanto fixeran pola xente humilde abandonaron para sempre estes días a súa casiña no Hospital.
O idioma español, en devalo, impotente fronte á puxanza do inglés: o propio Ministerio de Educación marroquino diante do fracaso de aquel como lingua optativa no ensino regrado, tomou a decisión de incluír unha hora á semana de xeito obrigatorio para o alumnado ao comezo da Secundaria. Nas librarías practicamente non se atopan libros en español, cada día se fan menos actos públicos nesta lingua e os rótulos en español dos comercios e estabelecementos de hostalería, tamén van desaparecendo. Non esaxeramos se dicimos que, arestora, só falan este idioma o minoritario alumnado do “Jovellanos” e algunha veciñanza de máis de 50 anos, habituada nos anos 70 e 80 do século pasado a recibir os sinais da TVE nas súas casas….
Nesta paisaxe en declive, aínda fican @s mort@s no cemiterio europeo ao que xa poucas familias retornan cada ano por Defuntos, mentres o Consulado Español de Nador só atende ao ornato do espazo reservado á Legión obviando a anónima fosa común onde fican, esquecidos por tod@s, os militares fusilados en 1936 por defender á República….
Como dixemos na anterior entrega, a sociedade española é maioritariamente inconsciente dos feitos derivados da intervención colonial en África e dos seus efectos sobre a poboación de ambas beiras do mar, cando non exerce plenamente como defensora da mesma. Unha inconsciencia que ano tras ano se manifesta na celebración acrítica do “Dia de la Hispanidad” (agora, retorna a carón do franquismo emerxente, outra volta o “Día de la Raza”) no Consulado Español en Nador, onde asisten como convidados o funcionariado, os poucos residentes con pasaporte español e algunha que outra autoridade local marroquina. Un “sarao” por todo o alto (houbo anos como o 2016 no que se gastaron máis de 5000 € en viño, xamón e outras regalías) que non esconde que, nestas terras rifeñas, os españois se celebran a si mesmos diante da indiferenza da grande maioría da poboación, reveladora do doloroso fracaso da etapa colonial do Protectorado.
Alhucemas, 12/10/2024
Peñón de Vélez de la Gomera.
La Legión desfilando en Villa Sanjurjo, 1 de abril de 1955.